Skip to main content

Saúdo do Presidente

Saludo del Presidente

Alá polos anos 70, nun inhóspito lugar dos Pirineos, unha patrulla da Garda Civil observa sorprendida a un home de mediana idade, vestido de sacerdote, pintando frechas de cor amarela nos cruces de camiños. Cando lle preguntan polo seu nome di: Elías Valiña Sampedro. Cando inquiren no que está a facer simplemente resposta: Estou a preparar unha grande invasión.

Parafraseando a Rudyard Kipling o home que gaña a batalla da vida é aquel que cré poder facelo. O cura do Cebreiro amosou ser un grande crente. Máis alá do sentir relixioso e grazas ao seu inxente traballo, hoxe podemos contar por milleiros os peregrinos que cada ano abrazan ao Apostolo de Santiago facendo o Camiño da Luz. A rede de colaboradores que este sacerdote foi creando foi o xermolo das diferentes asociacións de amigos do Camiño.

Así en Lugo, a porta de entrada a Galicia de tres rutas xacobeas, constituíuse o 23 de maio de 1987 a Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la Provincia de Lugo. Entre outros insignes membros, D. Elías asinaba como Vicepresidente na primeira Xunta Directiva. Nos seus estatutos fundacionais determinaronse os seguintes obxectivos:

  • Traballar na defensa, conservación e revitalización das distintas rutas xacobeas da provincia de Lugo.
  • Desenvolver e promocionar todo tipo de actividades relacionadas co Camiño: conferencias, reunións, viaxes, peregrinacións e caminatas.
  • Estudiar e investigar a historia e a cultura relacionada co movemento xacobeo.
  • Colaborar con organización e institucións relacionadas co Camiño de Santiago que actúen dentro ou fóra do ámbito territorial da Asociación.

Hoxe podemos dicir con orgullo que a chama xacobea que prenderan aqueles socios fundadores se manten viva. Co amor polo Camiño como alicerce, a nosa Asociación segue a traballar tentando cumprir cos fines fundacionais e intentando melloralos ano a ano.

 

Ángel Trabada

Presidente da Asociación

 

Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la Provincia de Lugo

CIF G-27186972
Pza. Comandante Manso, 11 - Entresuelo
27001 - Lugo
Tel. 638 295 225/ 638 295 226
www.lugocamino.com
lugocamino@gmail.com